Monseñor Barrio bendice en Boiro o novo paso do ‘Ecce Homo’

    BOIRO > A lectura do pregón e a bendición do novo paso do Ecce Homo a cargo do arcebispo de Santiago, Julián Barrio, serviu como pistoletazo de saída ós actos da Semana Santa boiresa, organizados pola Irmandade do Cristo da Misericordia. As celebracións continuarán o vindeiro domingo 2 de abril coa imposición de medallas ós novos cofrades.

    Un numeroso público asistiu á lectura do pregón de Semana Santa na Igraxa boiresa de Santa Baia que supón o comezo das celebracións de Semana Santa organizadas pola Irmandade do Cristo da Misericordia en colaboración co concello.

    O invitado de honra encargado de presidir o acto foi o arcebispo de Santiago, Julián Barro, quen aproveitou a súa presenza no municipio boirés para bendecir a imaxe do ‘Ecce Homo’, realizada polo escultor ourensán Garrido e que constitue o novo paso da confraría boiresa.

    Durante a súa intervención, Monseñor Barrio felicitou ós 340 cofrades que integran o Cristo da Misericordia pola organización destes actos que, dende agora, serán incluidos nas súas oracións.

    As actividades terán continuidade o vindeiro domingo 2 de abril no que se procederá a impoñer as medallas ós 160 novos cofrades. O xoves santo, como novidade, procesionarase o novo paso do ‘Ecce Homo’ xunto coa imaxe da Virxe da Dolorosa. O venres santo, ás oito da tarde, terá lugar a procesión do Santo Enterro no que se amosará o ’Cristo Xacente’.

    Ámbalas dúas procesións irán acompañadas pola banda de tambores e cornetas creada pola irmandade.

    Redacción Barbanza