A deputación da Coruña apoia a denominación de orixe para os viños do Barbanza

    BARBANZA > A Asociación de Vitivinicultures de Arousa Norte continua coas actividades encamiñadas a conseguir a denominación de orixe para os viños elaborados na comarca do Barbanza. O responsable da área de Promoción Económica, Emprego e Turismo da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, asistiu á inauguración dun curso impartido polo Sindicato Labrego Galego na Casa da Cultura de Boiro.

    O obxectivo deste cursiño, impartido polo Sindicato Labrego Galego e financiado pola Deputación da Coruña, é conseguir un mellor cultivo da vide para o aumento da calidade do viño elaborado na cara norte da Ría de Arousa. Ademais das sesións de tres horas e media que se desenvolverán ó longo de todo o mes de abril, o curso clausurarase cunha parte práctica que inclue a visita a varias adegas.

    Os asistentes a este primeiro encontro, encabezado polo presidente da Asociación de Vitivinicultores de Arousa Norte, Francisco Crusat, coincidiron en destacar a grande potencialidade de desenvolvemento deste sector no Barbanza dada a súa priviliexiada situación xeográfica e climatolóxica.

    O encargado de inaugurar o curso foi o responsable do departamento de Promoción Económica, Emprego e Turismo da Deputación da Coruña, Pablo Villamar, quen destacou o interese que espertou este proxecto no ente provincial. Neste sentido, Villamar reiterou o compromiso do seu departamento de apoiar todas aquelas iniciativas encamiñadas a conquerir a denominación de viño da terra dadas as grandes posibilidades de desenvolvemento do sector.

    Neste sentido, o reponsable provincial lembrou que unha das liñas de traballo da Deputación corresponde á colaboración coas iniciativas das entidades agrarias que contribúan ó crecemento do sector.

    Redacción Barbanza