O PP boirés reclama melloras nas aldeas da Serra do Barbanza

    BOIRO > O PP de Boiro vén de denunciar a falla de servizos básicos en diversos núcleos rurais do municipio debido, segundo ós populares, á deixadez e abandono por parte do goberno tripartito. Entre outras melloras reclaman a pavimentación das estradas, a creación de áreas de ocio ou a ampliación e mellora das actuais liñas telefónicas.

    serra_300_300506.jpgOs populares boireses acusan ó executivo local de discriminación posto que nos tres anos que leva no goberno ignorou repetidamente as peticións dos veciños de diversos núcleos rurais coma Noceda, Balteiros, Sabuceda, A Graña ou Lidón.

    Segundo explica o voceiro popular, Xoán Xosé Dieste, durante os oito anos de goberno do PP producíronse importantes avances no eido rural co asfaltado dos accesos ás aldeas e a instalación de alumeado público e liña telefónica. Pola contra, a chegada do tripartito ó goberno paralizou as e inversións nestas zonas polo que aínda están pendentes de execución moitas obras importantes.

    Entre outras demandas, os populares solicran que se realicen as xestións oportunas diante da Xunta de Galicia para impulsa-lo remate da estrada de Balteiro a Runs que permita a conexión das aldeas da Serra do Barbanza con Boiro e Noia así como coa futura autovía.

    Así mesmo, reclaman a construción de miradores e áreas de ocio para complementar e potenciar as rotas turísticas, a ampliación e mellora das actuais liñas telefónicas e a construción do lavadoiro público de Noceda.

    Outra das demandas refírese á reposición e actualización dos indicadores de localización das diferentes aldeas para facilitar o acceso a cada un destes núcleos. 

    Redacción Barbanza