![]()
RIBEIRA > A corporación municipal de Ribeira celebrou un pleno extraordinario con carácter urxente para a aprobación do plan especial de reforma nas inmediacións do adro da igrexa. O proxecto foi aprobado no transcurso da sesión tras un longo proceso de tramitación debido á introdución de varias modificacións impostas pola Xunta de Galicia.
O Plan Especial de Reforma Interior do Polígono Número 6, no entorno da Igrexa de Ribeira, foi aprobado co apoio de tódolos grupos a excepción do BNG que se abstivo na votación. O proxecto inicial para a edificación na zona fora rexeitado inicialmente pola Xunta de Galicia xa que presentaba varios aspectos desfavorables segundo os informes presentados pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Unha vez introducidas as modificacións, e tras un longo proceso de xestións, a idoneidade do proxecto está avalada por tódolos informes técnicos.
A pesar do seu voto favorable, o concelleiro socialista Antonio Piñeiro, quixo resaltar durante a súa intervención o feito de que moitos dos proxectos urbanísticos presentados polo goberno do PP teñen que ser revisados pola existencia de erros, relativos á corrección en altura ou o estudo do subsolo como no caso do actual proxecto. O edil instou ó executivo a realiza-los proxectos con maior exactitude para evita-la prolongación dos trámites.
Pola súa banda, a voceira de IPdeR, Rosa García Pose, plantexou a necesidade de crear unha oficina de información e asesoramento para a compra da primeira vivenda para que non se repita o acontecido cos propietarios das vivendas contempladas neste proxecto que aínda non foron construídos.
O BNG foi o único grupo que se abstivo na votación debido ás observacións recollidas no informe técnico do arquitecto municipal sobre o cumprimento das condicións de accesibilidade.
O tenente alcalde, Manuel Ruíz, que foi o encargado de presidi-la sesión ante a ausencia do alcalde, lembrou que o proxecto realizouse segundo os criterios do PXOM que foi aprobado co consenso de tódolos grupos.
Redacción Barbanza









