A Deputación da Coruña acometerá proximamente a mellora da Avenida Rinlo

    RIANXO > A Deputación da Coruña iniciará proximamente as obras de mellora da Avenida Rinlo en Rianxo. A actuación está pendente do nomeamento dun responsable de seguridade e hixiene que autorice o inicio dos traballos. A intención do executivo é que non coincidan coa tempada de verán xa que suporán un importante obstáculo para a circulación na entrada da vila.

    Polo momento, as obras da entrada de Rianxo, dende o cruce de Rianxiño, xa se atopan contratadas. Dende o executivo, agárdase que o inicio dos traballos non sufra novos retrasos para que non coincidan coa época estival na que se rexistra unha importante afluencia de turistas na vila. A intención do rexedor local, Pedro Piñeiro, é comezar os traballos no cruce entre as rúas Arcos Moldes e Castelao, na esquina do colexio Castelao.

    Ademais da mellora da seguridade vial e da modernización estética, estas obras suporán un incremento da calidade de vida e da comodidade dos veciños desta zona posto que se procederá á reposición dos servizos de saneamento e a rede eléctrica.

    Así mesmo, dotarase á zona de beirarrúas máis amplas así como diverso mobiliario urbano e novo alumeado.

    Unha vez rematada esta actuación, o executivo ten previsto solicitar á Deputación a realización de novas melloras dende o Pazo ata o cruce de Rianxiño coa intención de que o proxecto poida ser elaborado ó longo deste mesmo ano. Outro dos proxectos previstos para o 2006 é a elección do trazado idóneo e a redacción do proxecto da vía de circunvalación.

    Redacción Barbanza