VILAGARCÍA > O Salón Erótico do Atlántico abriu as súas portas ó público. Políticos e autoridades da vila e dalgún municipio da Ría, inauguraron o que se presenta como o evento estrela da programación deste ano en Fexdega. SEDA parece que non vai defraudar a xulgar polas imaxes que nos deixou xa dende o día da súa inauguración: o alcalde de Vilagarcía tocando a guitarra ó lado de ‘Evita de Luna’.
As estrelas convidadas á primeira edición do Salón erótico de Vilagarcía que se celebra en Fexdega apareceron sen exceso de roupa e apoiadas sobre unha limusina. As strippers e bailarinas posaron xusto antes de que fixeran a súa entrada no recinto as autoridades do municipio que foron recibidas polos responsables de Fexdega e do Salón erótico. Xuntas as estrelas e as autoridades… deu comezo a festa.
Tras unha presentación sobre o escenario dos artistas e as artistas que centrarán a atención dos asistentes ó salón estes días, o director de Fexdega, o alcalde da Illa de Arousa e, por suposto, o alcalde de Vilagarcía, fixeron tamén o paseíllo. O rexedor vilagarcián non baixou do escenario e pronunciou unhas palabras de louvanza á organización dun salón que só se celebra en Lisboa e Barcelona, fixo algunha referencia ás orixes do erotismo e invitou ó disfrute.
Pero Gago non baixou do escenario sen ter o seu momento de gloria e tocou unha peza dos Beatles acompañado dunha letra adaptada. Serán en concreto 200 espectáculos continuos, 25 pases diarios de shows eróticos, dez pases diarios de espectáculos X e a avenida das estrelas, na que os asistentes poderán fotografarse ou filmarse en vídeo con elas.
Redacción Salnés