Industria ratifica o seu compromiso co comercio e o sector industrial de Boiro

    BOIRO > O Conselleiro de Innovación e Industria realizou unha vista oficial ó concello de Boiro, durante a cal anunciou os compromisos do seu departamento para levar a cabo verios proxectos do municipio. Entre eles, o fin da peonalización da rúa Estatuto de Galicia ata Pablo Iglesias e a dotación de banda ancha no polígono industrial de Espiñeira.

    Fernando Blanco foi recibido nas dependencias do concello boirés polos membros da corporación municipal e representantes do tecido asociativo da vila. No transcurso da recepción oficial, o alcalde, Xosé Deira, agradeceu ó conselleiro o seu interese por coñecer de primeira man as demandas do pobo boirés. Así mesmo, o rexedor plantexou a necesidade de mellorar as infraestruturas para o asentamento de novas empresas e a dinamización do pequeno comercio.

    Tanto o primeiro como segundo tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares e Manuel Velo respectivamente, sinalaron o enorme compromiso existente por parte da Consellería de Industria coa comarca do Barbanza a través de distintos proxectos que xa están en marcha.

    Durante a súa intervención, Fernando Blanco anunciou o compromiso da súa Consellería co proxecto de peonalización do casco urbano boirés xa iniciado na rúa Estatuto de Galicia e previsto ata o cruce con Pablo Iglesias, no que investirá 600 mil euros. O obxectivo desta actuación é impulsa-lo pequeno comercio e aumenta-la súa competitividade.

    Fernando Blanco anunciou tamén o achegamento das novas tecnoloxías ó polígono de Espiñeira a través da banda ancha, inversión que suporá máis de catro millóns de euros. Nesta liña, está previsto unha mellora do sistema eléctrico nalgunhas zonas do municipio.

    Trala recepción, o Conselleiro visitou as obras de peonalización e posteriormente desprazouse ata o polígono industrial de Espiñeira onde foi recibido polo presidente da Asociación de Propietarios do Parque Empresarial, José Manuel Abelleira. Alí, explicoulle a varios membros da entidade, as intencións da Consellería no desenvolvemento de solo industrial para facilitar a implantación de novas empresas en Boiro.

    Como remate da visita, Fernando Blanco desprazouse ata a conserveira Jealsa na parroquia de Abanqueiro para coñecer as instalacións e técnicas desta factoría.

    Redacción Barbanza