O IES Nº 1 oponse á masificación do centro coa adscrición de novos alumnos

    RIBEIRA > Representantes da dirección e da ANPA do Instituto número 1 de Ribeira compareceron en rolda de prensa para dar conta da situación xerada ante a reestruturación da Ensinanza Secundaria no concello. Os representantes do centro manifestaron que actualmente, as dependencias do instituto xa sobrepasan a súa capacidade e a adscrición de novos alumnos levaría a unha masificación incompatible co ensino de calidade.

    A supresión das clases de ESO no Instituto de Coroso, en virtude do Real Decreto que regula os centros integrados, non afecta unicamente ó propio centro senón que suporá negativas consecuencias para os restantes institutos públicos do concello. Tal é o caso do IES Nº 1 que, ante a reestruturación da Secundaria que propón esta medida, varía desbordada a súa capacidade coa inscrición dos novos alumnos.

    A súa directora, Ana Valdés, explicou que a comunidade educativa do Número 1 considera moi positiva a implantación dun centro integrado no concello pero sempre que non prexudique á rede de ensino público masificando os demais institutos.

    Segundo a notificación da Consellería de Educación, o Número 1 terá que acoller unha media de 110 alumnos en primeiro da ESO, provenientes dos colexios de Palmeira, Artes e Sagrado Corazón de Castiñeiras, así como os repetidores do propio centro e do IES Coroso. Este incremento de alumnos obrigaría á habilitación dunha nova aula para primeiro da ESO ademais de aumentar a ratio de 26 alumnos por aula coa que se traballa na actualidade.

    Segundo a dirección do centro, na actualidade é imposible acoller máis alumnos posto que as instalacións están sobreutilizadas. O instituto carece de aula de novas tecnoloxías, sala de xuntas ou despachos. Tanto é así que as reunións cos país estanse a realizar en titorías ou aulas de desdobre cando non nun servizo sanitario para minusválidos acondicionado a modo de despacho. Tampouco existen dependencias axeitadas para ubica-lo centro de orientación ou o arquivo.

    A presidenta da ANPA, Leonor Estévez, expresou o apoio do colectivo que preside así como das restantes asociacións de pais do concello ó IES Coroso posto que se trata dun problema que afecta a todo o sistema de Educación Secundaria do Municipio e non a un só centro. Neste sentido, xa teñen solicitada unha entrevista coa Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, na busca dunha solución que non prexudique ós rapaces.

    Redacción Barbanza