Cruceiro de Bandourrío denuncia a concesión irregular de licenzas hostaleiras

    RIBEIRA > Os conflitos entre veciños e concellos a causa da movida nocturna en Boiro non son exclusivos deste municipio. Tamén en Ribeira, o colectivo veciñal Cruceiro de Bandourrío, vén de amosar o seu malestar pola concesión de novas licenzas irregulares nunha zona saturada de establecementos nocturnos.

    Non se trata dunha denuncia nova senón que a Asociación de Veciños Cruceiro de Bandourrío vén informando dende hai tempo da concesión irregular de licenzas por parte do concello. O colectivo veciñal solicitou en numerosas ocasións que o barrio de Bandourrío, onde se concentran numerosos locais da movida nocturna, sexa declarada como zona contaminada acusticamente.

    Lonxe de asumir esta petición, que vén avalada polas recomedacións do Valedor do Pobo, o executivo local fai oídos xordos e segue a conceder licenzas para a apertura de novos locais.

    Isto non é o máis grave xa que, segundo denuncia o presidente do colectivo veciñal, a concesión de licenzas presenta numerosas irregularidades en contradicción co regulamento municipal. Moitos dos locais inician a súa actividade antes da obtención da licenza sen que o concello proceda a clausura-los establecementos ou expedientar ós seus propietarios. Segundo Antonio Ángel González, a explicación desta permisividade atópase nos intereses que certos membros do grupo de goberno teñen no sector hostaleiro.

    Redacción Barbanza