A polémica sobre as áreas comerciais provoca a dimisón da directiva da ABE

    BOIRO > A falla de achegamento de posturas entre o sector comercio e a directiva da ABE en relación á implantación de grandes áreas comerciais no municipio levou á actual dirección da patronal a presenta-la súa dimisión. Así o fixeron público durante a asemblea, na que se puxo de manifesto a división existente entre os membros do colectivo.

    O gran número de socios reunidos no local da Asociación de Empresarios evidenciaba a enorme expectación xerada ante a posible dimisión da directiva no transcurso da Asemblea. Joaquín Vilas xa adiantara esta posibilidade no caso de que socios e directiva non achegaran posturas en torno á implantación das superficies comerciais nas áreas de Espiñeira e A Pedreira.

    E así foi. Vilas anunciou a dimisión da actual dirección da ABE posto que non teñen intención de opoñerse a ningunha iniciativa empresarial que pretenda desenvolverse en Boiro, postura que choca frontalmente cos intereses do pequeno comercio que ven nos centros comerciais unha segura perda de clientes para o seu sector.

    A decisión da directiva ten carácter irrevocable e nin sequera foi sometida a votación pola asemblea. Así o entenden Vilas e o seu equipo, incapaces de defender unha postura que non comparten a nivel persoal.

    A partir de agora, ábrese un prazo de quince días para a convocatoria de novas eleccións e as candidaturas poderán presentarse ata 24 horas antes da súa celebración.

    A decisión da directiva desencadeou unha serie de reaccións encontradas entre os distintos socios. Dunha parte consideran que a directiva cometeu erros importantes peron que non deben desembocar na dimisión mentres que moitos dos socios eloxiaron a súa decisión posto que a estas alturas do proceso é imposible chegar a entendemento entre as dúas partes.

    Moitos socios recriminaron á directiva o feito de non ter convocado a asemblea con anterioridade co obxectivo de consensuar a postura da patronal en relación ós centros comerciais antes de facela pública. Os comerciantes amosaron a súa indignación ante o feito de que o presidente comparecera ante os medios de comunicación explicando a división existente no seo da patronal en lugar de ter solucionado os problemas internamente.

    No transcurso da asemblea sucedéronse momentos de tensión protagonizados por algúns comerciantes que afirmaron sentirse enganados pola directiva posto que prometeu a toma de certas medidas que non foron levadas a cabo. Ademais da falla de apoio, os comerciantes acusaron á dirección de prexudicar ó pequeno comercio poñendo en contra á opinión pública e dando versións contradictorias dos asuntos acordados nas reunións.

    As posturas máis conciliadoras lembraron que a ABE constitúe un colectivo multisectorial e precisa do acordo de tódolos seus membros para logra-los seus obxectivos. Pero lonxe deste desexo, a opinión da asociación atópase moi dividida. Algúns sectores consideran fundamental para Boiro a creación das superficies comerciais como xeradores de emprego e riqueza mentres que o pequeno comercio oponse rotundamente á súa implantación, sobre todo fóra do casco urbano.

    Á espera de que se constitúa unha nova directiva, o asunto seguirá a xerar o desacordo entre os socios aínda que agárdase que se solucione a polémica que, ata o de agora, vén rodeando á patronal boiresa. Vilas deixa sobre a mesa ademais outros proxectos como a habilitación dun recinto ferial en Barraña que deberán ser asumidos polo novo equipo directivo co que manterá un contacto permanente.

    Redacción Barbanza