O retablo de Santa María do Caramiñal recupera o seu aspecto orixinal

    POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal vén de informar da conclusión das labores de restauración do retablo da capela maior da igrexa de Santa María do Caramiñal. Esta peza representativa da arte propia dos séculos XVII e XVIII constitúe un elemento único en toda a comarca do Barbanza tanto a nivel artístico como patrimonial.

    Os traballos de acondicionamento do retablo litúrxico comezaron o pasado mes de outubro a cargo da empresa Alfa Arte Restauración e baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio en colaboración co concello.

    Ó longo dos seis meses que duraron os traballos tratouse de asegurar a estabilidade do conxunto, salvagardándoo dos ataques de insectos. Así mesmo procedeuse a unha intensa labor de limbeza e á recuperación da policromía orixinal das esculturas.

    O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, expresou a súa satisfacción ante o magnífico resultado desta restauración. O rexedor local destacou o gran número de elementos patrimoniais de valor existentes no municipio polo que sería conveniente catalogar toda estas obras de arte.

    Redactor Barbanza