NOIA> Unha veciña do lugar de Sobreviñas en Noia denuncia a falla de limpeza dun monte próximo. A abundancia de maleza e especies vexetais que invaden as fincas limítrofes supón un importante risco en caso de incendio.
María Jesús Juanatey xa non sabe a quen acudir. Leva máis de quince anos denunciando a situación de abandono en que se atopa a parcela próxima á súa finca chea de maleza e árbores que invaden tanto o camiño público como as propiedades colindantes.A pesar de ter posto os feitos en coñecemento do concello de Noia e do Seprona, non ten recibido resposta.
Ademais do risco de incendios, esta veciña denuncia que as árbores, moitas delas coas raíces á vista, invaden o camiño sacramental, unha vía pública moi transitada.
Ademais de afectar á finca de María Jesús posto que as árbores caen directamente sobre a súa propiedade, son moitos os veciños da zona que demandan a limpeza desta parcela de titularidade privada.
Ademais de elaborar un escrito, os afectados solicitarán unha entrevista co alcalde de Noia para demandarlle que esixa ós propietarios que cumpran coa ordenanza forestal que obriga a manter limpas e ordenadas as fincas, máis cando están tan próximas a núcleos de vivendas.