O CIT de Caldas repartirá gratuitamente 800 roscóns os días 15 e 16

    CALDAS > Unha vintena de establecementos da Comarca Ulla Umia, adscritos ó Centro de Iniciativas Turísticas de Caldas, participan esta Semana Santa na Festa do Roscón. Unha cita tradicional na vila caldense que non se celebraba desde hai anos. Nesta ocasión disporanse 800 roscóns para degustación gratuíta.

    Os vindeiros 15 e 16 deste mes o producto que máis se demandará en Caldas será o roscón. Unha vintena de establecementos da comarca Ulla Umia, ó amparo do Centro de Iniciativas Turísticas de Caldas decidiron recuperar esta tradicional cita gastronómica de Semana Santa. O principal obxectivo é promover turística e culturalmente a comarca e non descartan organizar novas citas gastronómicas noutros concellos de Ulla Umia.

    Para esta Festa disporanse 800 roscóns, que poderán adquirir gratuitamente nos establecementos colaboradores e tamén en diversas degustacións na rúa. O entorno da praza de abastos de Caldas e a rúa Real albergarán os actos principais desta festa. O sábado 15 a partir das seis da tarde montarase unha figura cos roscóns recordando a Torre de Doña Urraca, un dos edificios máis emblemáticos de Caldas e hoxe desaparecido. Ás once da noite degustaranse os roscóns con chocolate e a medianoite farase unha queimada.

    O domingo 16 volverá a repartirse o roscón nas Palmeras a partir das once da mañá. Á unha do mediodía lerase o pregón a cargo dun cociñeiro de renome, aínda por confirmar. Nos dous días que dura a festa haberá actuacións musicais e unha feira de artesanía na rúa Real.

    Redacción Salnés