Novos roubos no polígono industrial de Xarás

    RIBEIRA > A Policía Nacional de Ribeira procedeu á detención dun mozo rianxeiro de 35 anos acusado de roubo con forza no interior dunha empresa do polígono industrial de Xarás. Esta non foi a única actuación levada a cabo por este corpo xa que as súas investigacións permitiron a desarticulación dun punto de venda de haxís na localidade ribeiresa.

    A detención de E. B. J., de 35 anos, natural de Rianxo e veciño de Ribeira produciuse o pasado martes. Os feitos aconteceron nunha empresa situada no polígono industrial de Xarás, onde o detido fracturou a cadea e os candados que pechaban a verxa de acceso á empresa e accedeu á mesma, de onde se levou varias pezas de maquinaria de aceiro inoxidable, valoradas en preto de 5 mil euros. Posteriormente, os obxectos roubados foron recuperados na parroquia de Taragoña.poligono001.gif

    O detido presenta antecedentes policiais xa que conta ás súas costas con dez detencións anteriores, cinco delas por roubo con violencia e intimidación.

    Este incidente vense a sumar á interminable ola de roubos que se rexistran no polígono dende hai tempo debido á escasa vixilancia.

    Noutra actuación, efectivos da Policía Nacional procederon tamén á detención de J.F.P.R de 39 anos e D.M.F.P de 36 anos, ámbolos dous veciños de Ribeira, por tráfico de estupefacientes. Os axentes requisaron 57 gramos de haxís equivalentes a uns 300 euros no mercado negro. Así mesmo, lles foi intervenido un vehículo turismo, unha navalla, un teléfono móbil e unha báscula dixital. Ó parecer, os detidos adquirían as substancias na Pobra do Caramiñal e posteriormente procedían á súa distribución en Ribeira.

    Redacción Barbanza