Os gandeiros reclaman pezos dignos para o leite galego

    PONTECESURES > Case 8.000 gandeiros galegos tomaron parte este xoves nas concentracións de protesta organizadas conxuntamente polas organizacións agrarias Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego. Buscan pórlle freo á baixada do prezo do leite. As mobilizacións realizáronse ante as factorías de Nestlé en Pontecesures, Lactalis en Vilalba, e Leite Celta en Pontedeume.

    Uns dous mil gandeiros de toda a provincia de Pontevedra concentráronse diante das portas da factoría de Nestlé, en Pontecesures, precisamente unha das industrias que abandeiran a baixada de prezos do leite, segundo denuncian. Sindicatos e gandeiros aseguran que o prezo de orixe segue caendo mentres soben as importacións de producto e o prezo final nas grandes superficies. Os manifestantes portaban unha pancarta unitaria das tres organizacións convocantes coa lenda “Prezos dignos para o leite galego”.

    Ó remate da mobilización, e despois dun discurso fixéronlle entrega dun escrito á dirección da empresa, ó igual que sucedeu nas outras protestas. No escrito, as tres organizacións lémbranlles que os gandeiros xa non poden asumir máis perdas despois de dous anos de caída de prezos, despois do aumento dos custes de producción, despois dos investimentos na modernización das explotacións, e logo de engadirlle ás súas maltreitas economías a repercusión da supertaxa da pasada campaña e a compra de cota láctea. O escrito piden que se retome a vía do diálogo e a negociación na procura dunha solución negociada.

    Redacción Salnés