O derrube de rochas en Tanxil pon en perigo a seguridade dos peóns

    RIANXO > O BNG de Rianxo vén de denunciar a falla de seguridade existente no paseo de Tanxil ante os recentes desprendementos de pedras rexistrados na zona. Os nacionalistas cualifican de ‘inconsistentes’ os traballos de reparación realizados por Costas posto que a chuvia está a provocar corrementos de terra incontrolados que poñen en perigo a integridade dos peóns.

    O derrube de rochas producido hai uns días non é o único incidente rexistrado na zona de Tanxil trala intervención de Costas. Os nacionalistas lembran outros desperfectos producidos ó longo deste ano e do anterior que poñen de manifesto a escasa efectividade da actuación.

    Ademais da caída de rochas e pedras, rexístranse corrementos de terra amparados por unha valla de separación que se atopa moi deteriorada polo que apenas exerce de protección. Así mesmo, foi preciso tamén talar algunhas árbores que corrían o perigo de caer sobre o paseo.

    Dende o BNG consideran que é preciso levar a cabo unha actuación integral, non só na base da Virxe de Guadalupe, como se fixera o pasado ano senón en todo o paseo de Tanxil para garantir a total seguridade dos peóns que transiten por esta zona. Neste sentido, consideran que as obras levadas a cabo pola Demarcación de Costas consistiron nunha actuación puntual e localizada a pesar da complacencia amosada polo alcalde ante a intervención.

    Os nacionalistas critican a pasividade do estado ante os riscos que supón o actual estado do paseo. Así mesmo, esixen unha rápida intervención na zona por parte do executivo que non se pode limitar a mobilizar os servizos municipais para a retirada dos desperfectos.

    Redacción Barbanza