![]()
RIANXO > A igualdade de xénero e a diversidade cultural son algúns dos temas dos obradoiros que se viñeron desenvolvendo no Instituto Félix Muriel de Rianxo. Esta iniciativa, froito da colaboración entre o concello e os responsables do centro educativo, pretende sensibilizar ós alumnos con diversas realidades sociais e fomenta-la tolerancia como base das relacións interpersoais.
Con enorme interese foron acollidos polos alumnos os obradoiros de interculturalidade que se desenvolveron no Instituto Félix Muriel en Rianxo. Os escolares analizaron a través destes talleres as diversas formas de discriminación existentes na sociedade, dende a violencia de xénero ata a marxinación por motivos raciais ou culturais.
O programa incluiu tamén o visionado de películas con diversos contidos sociais e unha exposición titulada ‘A paz, cuestión de fondo’ cedida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e á que se foron incorporando algunhas creacións dos propios alumnos. A realización destas actividades é froito da iniciativa dos profesores do centro e a colaboración do concello a través do Departamento de Servizos Sociais.
Os rapaces recibiron tamén a visita de varias persoas homosexuais e un transexual que lles explicaron o concepto de discriminación dende a súa propia experiencia. Tanto os rapaces como os profesores implicáronse activamente en tódalas actividades, plantexando dúbidas e preguntas e aportando a súa colaboración nos distintos traballos levados a cabo.
O resultado do programa foi tan satisfactorio, que a dirección do centro pensa seguir traballando nesta liña coa organización de actividades similares.
Redacción Barbanza









