Os profesores do IES Coroso esixen a dimisión de Ventoso Mariño

    RIBEIRA > Os profesores do IES Coroso de Ribeira contrarios á decisión da Xunta de Galicia de converter a este instituto en Centro Integrado e elimina-la Ensinanza Secundaria Obrigatoria e o Bacharelato, solicitaron hoxe o cese de Xosé Antonio Ventoso Mariño coma director deste centro educativo. Os docentes tildan ó actual director de Coroso de antidemócrata e fascista por non respecta-las decisións da comunidade e impedir que estas se pronuncien no claustro.

    A totalidade dos profesores do IES Coroso de Ribeira compareceron en rolda de prensa para  explica-la situación vivida o pasado mércores durante a celebración dun claustro convocado pola dirección de centro pero que non resultou nada do que a maioría dos docentes solicitara para debate-lo futuro do centro. Os problemas iniciáronse xa no punto primeiro ó non aprobarse unha acta co apoio maioritario dos docentes.

    A comunidade educativa do IES Coroso iniciou tamén unha recollida de sinaturas para remitirllas á Consellería de Educación pedíndolle o cese do director Xosé Antonio Ventoso Mariño.

    Ademais tamén criticaron as presións ás que se ven sometidos algúns profesores con carta por rexistro na que se pon en coñecemento actuacións que o director non considera aceptables.

    A comunidade educativa formada por profesores, nais e pais e alumnos, continuarán coas súas medidas de presión para tratar que non se suprima a ESO e o Bacharelato deste instituto.

    TVSB tamén recibiu presións por parte da dirección do centro por acudir á convocatoria dos profesores e estar a gravar no interior do instituto sen permiso, sinalando que se ía poñer a situación en coñecemento da inspección educativa.

    Redacción Barbanza