Lousame pecha o orzamento de 2017 con superavit

LOUSAME> Segundo a alcaldesa, Teresa Villaverde, a execución das contas deixa un balance positivo de 213 mil euros para as arcas municipais. No último pleno, o equipo de goberno pechou o orzamento de 2017 cun remanente de tesourería para gastos xerais de algo máis de 213 mil euros. A alcaldesa, Teresa Villaverde, fixo un balance moi positivo destas contas, que segundo ela se executaron nun 86,04%. Durante a sesión plenaria a rexedora fixo referencia tamén, tal e como se indica no informe de secretaría-intervención, a que durante o pasado ano se acadou un aforro neto positivo de preto dos 160 mil euros, cumpríndose cos obxectivos de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e baixo nivel de endebedamento. Un aspecto este, que segundo ela, evidencia a boa xestión realizada polo goberno municipal durante o pasado ano. No pleno tamén se deu luz verde a dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para realizar o pago de facturas pendentes. Un deles, por un importe de algo máis de 15 mil euros, realizouse xa con cargo a este remanente de tesourería.