Xunta, USC e o sector buscan a eficiencia na depuración dos cocedoiros

    BARBANZA> As Consellerías do Mar e de Medio Ambiente asinaron un convenio coa Universidade de Santiago e a Asociación Galega de Cocedoiros do Mexillón para reducir o impacto medioambiental das industrias. Este protocolo de colaboración ten por obxectivo mellorar o sistema de depuración das augas residuais dos cocedoiros de marisco a través da aplicación dos últimos avances tecnolóxicos. Os investigadores da universidade de Santiago serán os encargados de avaliar as propostas realizadas por cada empresa para reducir os parámetros de vertido. Pola súa banda, a Consellería do Mar habilitará unha liña de axudas para financiar a implantación dos sistemas que poderá chegar a cubrir o sesenta por cento do proxecto. A Consellería de Medio Ambiente acreditará, mediante a emisión de certificados, o cumprimento coa normativa en materia de vertidos. Mediante esta colaboración entre sector público e privado búscase rendibilizar a actividade industrial reducindo o seu impacto no medio ambiente.