Cabo de Cruz acollerá este domingo a VII Exaltación do Mexillón

    festaexaltacionmexillon_100_020707.jpgBOIRO > A Festa do Mexillón, que chega este ano a súa sétima edición, congregará nesta localidade boiresa a centos de veciños e visitantes.

    O comité organizador da Festa de Exaltación do Mexillón de Cabo de Cruz, constituído por cinco asociacións de bateeiros: Opmegal, Amebarraña, A Boirense, Virxe do Carme e AMC, presentou, aproveitando o inicio das festas de Boiro, unha nova edición, e xa van sete, desta celebración gastronómica que terá lugar os días sete e oito do mes de xullo na explanada portuaria de Cabo de Cruz.

    Sen dúbida o domingo, será o día grande da festa, cando se realice a propia degustación do mexillón que este ano estará preparado de catro formas ben diferentes: empanada de millo, salteados ó allo, ó viño e tamén ó vapor. A organización ten previsto distribuír durante esta xornadas unhas 15 toneladas do molusco.

    Prezos populares

    Os prezos volverán a ser populares, a seis euros a ración, na que se incluirá tamén un prato de porcelana que servirá de recordo da festa. Como nos poidía ser doutro xeito na presentación desta festa gastronómica tamén se falou do problema da toxina que impide actualmente extrae-lo mexillón das bateas fondeadas na ría de Arousa, polo que o produto tivo que ser derivado doutros polígonos.

    A exaltación, como en anos anteriores, terá como obxectivo potencia-lo consumo de mexillón na zona xa que gran parte da poboación da comarca dedícase á súa produción. Ó acto está previsto que acudan diversas autoridades, entre elas a propia Conselleira de Pesca, Carmen Gallego.

    Redacción Barbanza