O concello de Boiro estuda emprender accións legais contra o voceiro do PP

    BOIRO > A polémica en torno á implantación dunha área comecial en Espiñeira está servida trala rolda de prensa impartida polo PP a petición da plataforma de comerciantes boireses. O voceiro popular acusou ó goberno municipal de especulación coa recalificación de terreos rústicos e mesmo chegou a comparar a situación urbanística de Boiro con Marbella.

    Xoán Xosé Dieste quixo deixar claro que o grupo popular non se opón á implantación das grandes áreas comerciais sempre que respecten o PXOM e non supoñan a recalificación de terreos rústicos. Neste sentido, os populares consideran innecesaria a operación que pretende o tripartito posto que están aínda pendentes de desenvolvemento cinco plans parciais que supoñen unha superficie de 600 mil metros cadrados nos que se prevé aproveitamento para superficie comercial. Dieste fixo ademais fincapé nos prexuízos que suporá a área de Espiñeira para o pequeno comercio en beneficio dos intereses das grandes empresas.

    O voceiro popular referiuse tamén á recalificación da zona da Pedreira acusando ó tripartito de converter chan rústico en comercial a conta dos intereses de tódolos boireses. Segundo Dieste, o goberno está a apoiar un pelotazo urbanístico convertendo a Boiro nunha nova Marbella.

    Pola súa banda, o portavoz da recentemente constituida plataforma de comerciantes, Manuel Casais, indicou que o colectivo non se opón á apertura de centros comerciais en Boiro sempre que se faga en zona urbana. Polo momento, a plataforma xa solicitou unha reunión cos representantes dos tres grupos que conforman o goberno municipal para coñece-la súa postura.

    Precisamente, dous dos grupos que integran o tripartito, BNG e PSOE, compareceron en rolda de prensa para informar dos criterios barallados polo goberno para o establecemento do convenio do Centro Comercial de Espiñeira. Ademais da creación de emprego e riqueza, os representantes municipais consideran que terá unha influencia positiva no resto dos sectores produtivos do concello. Os membros do goberno aproveitaron a ocasión para respostar ás declaracións efectuadas por Xoán Xosé Dieste anunciando a posibilidade de emprender accións legais contra o voceiro da oposición.

    Tremendamente indignado comparecía o alcalde de Boiro, Xosé Deira, en resposta ás declaracións dos populares nas que acusaba ó tripartito de converter a Boiro na ‘Marbella do Barbanza’. Dada a gravidade destas afirmacións, o executivo está a estudar a posibilidade de presentar unha denuncia xudicial contra o voceiro popular ó que acusan de calumniar e inxuriar ó goberno poñendo en entredito o nome do pobo de Boiro.

    En referencia á comparación do concello de Boiro co de Marbella, famoso polos casos de corrupción e o recente escándalo de especulación urbanística, o executivo insta ó PP a recorrer á vía xudicial se considera que se está a cometer algún delito posto que non existe denuncia algunha nin por parte do PP, de particulares ou da fiscalía.

    Os representantes do executivo consideran que as declaracións de Dieste corresponden a un afán de oportunismo político e consideran que, tras este acto de ‘irresponsabilidade’ o vooceiro popular debería deixar a política.

    Nacionalistas e socialistas indicaron tamén que a de Espiñeira é a primeira recalificación que afronta o tripartito dende que se atopa no poder mentres que durante os oito anos de goberno do PP en Boiro acometéronse diversas recalificacións en beneficio de moi poucos como é o caso dos terreos de Boinersa, Jealfer, Fonteneixe ou Goiáns. O concelleiro de Urbanismo, Xoán León, apuntou que os populares defendían entón intereses particulares ó igual que agora, insinuando que a oposición do PP ó centro comercial de Espiñeira corresponde cos intereses económicos dalgún membro do grupo popular.

    Os representantes municipais quixeron explicar os seus criterios para apoiar a creación do novo centro comercial en Espiñeira. Entre as súas vantaxes destacan a creación de emprego con máis de 320 postos de traballo directos xunto cos beneficios indirectos nas industrias auxiliares proveedoras de material ou na construción do recinto. BNG e PSOE consideran ademais que este proxecto contribuirá a facer de Boiro o centro comercial da comarca do Barbanza, beneficiando a tódolos sectores económicos do concello. Así mesmo, das contraprestacións económicas que recibirá o concello a través deste convenio, o executivo investirá a maior parte na promoción do comercio local coa creación de infraestruturas que favorezan os pequenos establecementos. Neste sentido, lembraron ademais que nos últimos anos o actual goberno sempre apoiou ó sector investido preto de 460 mil euros na peonalización de rúas, a creación do centro comercial aberto e as campañas de promoción.

    Redacción Barbanza