A muller do Chicle recorre o recurso que solicita de novo a súa imputación

RIBEIRA> O avogado de Rosario Rodríguez, a muller do Chicle, vén de presentar na Audiencia Provincial da Coruña a impugnación do recurso presentado pola acusación particular, que exerce a familia de Diana Quer, para que se volva imputar á muller do presunto autor.

Semella que a Fiscalía tamén impugnará esta apelación, apoiando a decisión do xuíz de Ribeira que decidiu arquivar temporalmente a causa aberta contra Rosario Rodríguez ó non existir indicio algún da que suxira a súa colaboración na desaparición e morte de Diana. Pola contra, o representante da familia demanda que se manteña a condición de investigada posto que a coartada que lle proporcionou ó seu home interferiu na investigación desviando a atención da Garda Civil e dificultando o esclarecemento do caso.

Ademais desta impugnación, o avogado da familia xa ten solicitada a reconstrución dos feitos que aconteceron na nave de Asados, onde apareceu o corpo de Diana, para avanzar na investigación. Para iso, será preciso que José Enrique Abuín estea presente.

O xuíz titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Ribeira deberá volver a citalo para declarar e, no caso de que acceda a colaborar, ordenarase a reconstrución. Cómpre lembrar que, trala primeira confesión ante a Garda Civil, o Chicle negouse a falar nas súas dúas comparecencias ante o xuíz, acolléndose ó seu dereito a non declarar. Daquela, o que fóra seu avogado, indicou que non falaría ata coñecer o resultado definitivo da autopsia.

Autopsia que, por outra banda, non esclarece polo momento se houbo ou non agresión sexual. Se ben, o forense encargado do caso afirmou que será difícil determinalo posto que o corpo pasou preto de cincocentos días somerxido en auga, non é imposible. O achado de ADN masculino podería ser determinante para confirmar a violación coa que o Chicle podería ter que enfrontarse á pena de prisión permanente revisable. Haberá que agardar a ver a nova estratexia de defensa que segue , despois de que lle fora asignada unha avogada de oficio.