Zalgiris Kaunas, campión da XI Vilagarcía Basket Cup

VILAGARCÍA > Vilagarcía despediu este domingo catro días dedicados ó baloncesto. Nesta undécima edición da Vilagarcía Basket Cup, o trofeo foi levantado polo Zalgiris Kaunas, logo de impoñerse na final ó Adecco Estudiantes. A organización entregou ademais o premio ó mellor xogador do torneo ó ruso Khvostov, do Dynamo de Moscú.

basketcupzalgiriscampion_300_170406.jpgO Zalgiris Kaunas proclamouse campión da undécima edición da Vilagarcía Basket Cup. O torneo de categoría sub 20 rematou este domingo na capital arousá despois de catro xornadas dedicadas ó baloncesto. O rival nesta final foi o Adecco Estudiantes e a pesares da diferencia no marcador, que acabou cun 73 a 84, os madrileños non llo puxeron moi fácil ós lituanos. O conxunto de Alberto Lorenzo foi capaz de facerse co ritmo do xogo desde o inicio. Ó descanso tiñan dous puntos de vantexe, 41-39, pero o conxunto lituano saiu cunha forte defensa e conseguiu adiantarse no marcador. Con éste, xa son catro os títulos que suma o Zalgiris Kaunas na Vilagarcía Basket Cup.

basketcupmascotachicui_300_170406.jpgNa final de consolación xogaron o Unicaja Málaga e o Dynamo de Moscú con victoria para o conxunto malagueño, cun resultado de 77 a 70. De nada lles valeu ós rusos contar nas súas filas con dous dos xogadores premiados neste torneo. O trofeo ó mellor xogador, foi recollido polo escolta ruso Dimitri Khvostov, que destacou pola súa visión de xogo, a súa definición, o seu caracter e a súa responsabilidade. Outro xogador ruso, Vitaly kuznetsov logrou o título de máximo anotador do torneo, con 94 puntos. O terceiro premio, o de máximo reboteador foi para o lituano Vladimir Stimac, xogador do Zalgiris Kaunas. A organización do evento tamén concedeu os primeiros premios ós mellores xogadores arousáns: María del Mar Doval, Javier Patiño, Elías Piñeiro, Beatríz Fontán, Adrián Otero, Ana Estévez, Anxo Cornes e Manolo Vázquez.

basketcuppublico_300_170406.jpgEsta última xornada foi seguida por dous mil afeccionados nas gradas de Fontecarmoa. Nos tempos mortos, a animación correu a cargo da mascota Chicui que xa se gañou do público, pero tamén das cheerleaders. O cheo ata a bandeira rexistrouse no pavillón na xornada do sábado cos concursos de mates e triples. O pívot senegalés Tidiane Samb do Barcelona gañou o concurso de mates. En triples competiron 15 xogadores e o premio foi para o alero do Caja San Fernando Joaquín Bonhome, que anotou 20 lanzamentos.

Redacción Salnés