O IES Coroso manterá a súa oferta edcativa durante o próximo curso

    RIBEIRA > Novidades en torno á aplicación do Real Decreto de Centros Integrados no IES Coroso de Ribeira. O BNG compareceu esta mesma tarde para anunciar que durante o próximo curso, o centro manterá a actual oferta educativa co obxectivo de buscar unha alternativa, no prazo dun ano, que permita a creación dun centro integrado sen reducir a oferta pública.

    O deputado do BNG no Parlamento, Manuel Parga, desprazouse ata Ribeira para informar das actuacións levadas a cabo polo grupo nacionalista para evita-la supresión da ensinanza secundaria no IES Coroso. Parga anunciou que, segundo as informacións dos grupos que integran o goberno da Xunta, o real decreto de 2005 para a regulación dos centros integrados non será aplicado durante o vindeiro curso no centro ribeirés polo que manterá a actual oferta educativa coa que contaba ata o momento. O obxectivo é buscar outra alternativa que permita a regulación como centro integrado sen chegar a suprimir a ESO.

    Neste sentido, os nacionalistas entenden que o real decreto supón unha invasión do estado nas competencias de Galicia en materia educativa favorecendo privatización da ensinanza. Por este motivo, o BNG xa ten presentado varias iniciativas no Parlamento e mesmo solicitou a comparecencia da Conselleira de Educación para explica-los termos desta medida. Nesta liña, os nacionalistas presentarán mañá mesmo no parlamento unha enmenda para a modificación da Lei Orgánica de Formación profesional solicitando que o futuro decreto desenvolva plenamente as competencias de Galicia en materia de ensino e que a xestión dos centros integrados se realice dun xeito máis democrático.

    Os nacionalistas esixen tamén a potenciación da rede de centros integrados, posto que os consideran moi positivos, pero sempre con carácter eminetemente público.

    Redacción Barbanza