O Parque da Memoria de Poio será un gran auditorio a prol da PAZ mundial

    POIO > O Concello de Poio contará este ano cun proxecto impulsado polo Premio Nobel da Paz e fillo adoptivo do municipio, Adolfo Pérez Esquivel, e que será coñecido como o Parque da Memoria. Para este importante monumento colaborarán personalidades da talla de Mijail Gorvachov, Nelson Mandela ou o Dalai Lama.

    adolfoperezesquivelparquedamemoria_300_180406.jpgTrátase dun gran auditorio aberto á Ría, co que se homenaxeará ós que sufriron o exilio e a emigración nos 5 continentes e se pedirá a paz mundial.Esta mañá os principais impulsores desta iniciativa achegábanse á Seca, no lugar ó que se ubicará o Parque. Os monumentos que se instalarán consistirán en 5 monolitos en mármore –un por cada continente-, que representan mediante formas xeométricas unha metáfora entre a vida dos exiliados e o efecto de luces e sombras que proxectarán as moles de entre 3 e 4 metros de altura. Terán gravados textos preparados para a ocasión por varios premios Nobel da Paz: José Saramago e Rigoberta Menchú xa confirmaron a súa colaboración, e están pendentes outros como Nelson Mandela, Gorvachov ou Desmon Tutú. Tamén se colocará unha gran Porta do sol en pedra do país, con imaxes gravadas das figuras de Castelao, Bóveda e Rosalía de Castro e no centro unha gran rosa dos ventos no chan cunha semente simbolizando ó universo. 

    A semente, de grandes dimensións e varias toneladas de peso, agarda en Arxentina para poder ser trasladada ó Parque da Memoria. Contará con láser no interior, simbolizando os distintos meridianos e o son en morse, transmitindo a palabra PAZ. O ano 2006 foi declarado pola Xunta de Galicia “ano da memoria” e por eso a administración autonómica colaborará cunha partida inicial de 30.000 euros. Dende a Xunta quérese recoñecer a transcendencia dunha xeración que noutrora permaneceu no esquecemento.

    A Escola de Canteiros de Pontevedra será quen realice os monumentos en pedra e por eso hoxe coñecían de primeira man os bocetos de Pérez Esquivel. É probable que o vindeiro mes comecen os traballos. A Deputación de Pontevedra tamén colaborará neste Parque da Memoria cunha partida por determinar. Ademais, Poio recibía hoxe tamén a noticia da sinatura dun convenio entre a Consellería que dirixe Ánxela Bugallo e o alcalde Luciano Sobral para a construcción da casa da cultura de Raxó. O orzamento desta obra ascende a mais de 600.000 euros.  

    Redacción Salnés