Os construtores barbanzáns apoian a creación da área comercial en Espiñeira

    BOIRO > O Centro Empresarial da Construción do Barbanza recibiu con gran satisfacción a proposta da promotora do Centro Comercial de Espiñeira de conformar unha UTE para a construción deste novo recinto. Os asociados consideran moi positiva a implantación desta área no municipio boirés, de cara á creación de emprego e riqueza, e non entenden a polémica xurdida en torno á recalificación de terreos rústicos para usos comerciais.

    A pesar do entusiasmo xerado entre os construtores barbanzáns, ante a posibilidade dunha unión temporal de empresas para a construción do futuro centro empresarial de Espiñeira, o proxecto atópase temporalmente paralizado debido á polemica suscitada pola implantación de grandes áreas comerciais nas aforas do municipio.

    Dende o CECB non se entende a oposición de certos sectores empresarias e mesmo dalgúns representantes políticos á recalificación de chan rústico para o desenvolvemento de áreas comerciais posto que é unha operación totalmente enmarcada dentro da legalidade que xa foi levada a cabo noutros concellos, como Noia ou Lalín, sen que supuxera un prexuízo importante para o pequeno comercio. Neste sentido, o presidente dos construtores barbanzáns considera que a implantación dos centros comerciais, lonxe de supoñer a paralización da actividade comercial, constribuirá á dinamización económica de toda a comarca como factor de desenvolvemento. Xesús Lojo apuntou que o Barbanza sofre un importante atraso e o crecente desenvolvemento de Boiro esixe a implantación deste tipo de infraestruturas.

    Lojo Alcalde precisou tamén que estas áreas comerciais non se deben implantar no centro da cidade posto que suporía unha masificación do casco urbano con exceso de vehículos, cando a intención do concello é humaniza-lo centro peonalizando a zona comercial.

    Representantes do CECB manterán unha xuntanza o vindeiro venres coa Conselleira de Vivenda e Solo, Tareixa Táboas, para solicitar unha maior transparencia nas recalificacións de chan rústico de cara ós promotores. Lojo insiste ademais en que tódolos socios do goberno deben implicarse no apoio a este tipo de proxectos en beneficio de tódolos veciños.

    Redacción Barbanza