RIBEIRA> A Consellería do Mar vén de outorgar a concesión para a nova nave de redes de Ribeira que se emprazará na lonxa vella. Portos de Galicia investiu 40 mil euros no acondicionamento das instalacións que darán cabida tamén a unha aula formativa.
A vella lonxa de Ribeira terá unha nova vida. Tras oito anos parada converterase nunha nave de redes despois de que a Consellería do Mar outorgase a concesión administrativa para esta actividade. A Xunta realizou unha serie de melloras nas instalacións como a reparación da cuberta e a eliminación das divisións internas que permitiron convertelas nun espazo máis funcional.
Ademais de albergar ós redeiros para realizar a súa actividade a cuberto, a nave acollerá tamén actividades de formación náutico pesqueira que teñen por obxecto garantir o relevo xeracional nos oficios do mar como o dos atadores, das que cada vez van quedando menos.
A alcaldesa destacou a importancia de revitalizar e darlle un segundo uso a este local de máis de 2500 metros cadrados. Así mesmo, permitirá liberar o espazo que ocupa o actual campo de redes no paseo das Carolinas.
A concesión ten unha vixencia de cinco anos prorrogables e Portos de Galicia aplicará unha bonificación do 95 por cento das taxas por ocupación do solo.











