Pesca destina medio millón de euros na recuperación dos Lombos do Ulla e do Bohído

    SALNÉS > A Consellería de Pesca investirá máis de medio millón de euros na recuperación dos bancos marisqueiros dos Lombos do Ulla e do Bohído. O departamento que dirixe Carmen Gallego asinará dous convenios de colaboración coa Fundación Cetmar, para consolidar a produción das especies e implantar un modelo de xestión integral nas dúas zonas de libre marisqueo da Ría de Arousa. O Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura destes acordos.

    No caso dos Lombos do Ulla, a Dirección Xeral de Recursos Mariños cre necesario iniciar unha segunda fase do plan piloto iniciado en 2003, para consolidar o nivel produtivo acadado e transferir o modelo de xestión ó sector e que este lidere o plan. O CETMAR avaliará e cartografiará o stock reprodutor e o reclutará as especies deste banco durante a primavera; fará un seguimento da extración en outono, e asesorará ás confrarías no deseño do plan de explotación. A Consellería destinará o persoal para continuar coa recuperación e achegará a embarcación Pilarín como medio de apoio. O convenio terá vixencia ata o 30 de decembro deste ano cun investimento de máis de 206 mil euros.

    En canto ó Bohído, Pesca asinará un novo convenio co Cetmar para conseguir consolidar a recuperación deste banco, cun investimento inicial de preto de 360 mil euros. O Centro Tecnolóxico do Mar avaliará e cartografiará o stock reprodutor, ademais de valorar o reclutamento das especies de interese comercial durante a primavera. Os técnicos tamén farán un seguimento da mortalidade e do crecemento das ameixas fina, babosa e bicuda. O acordo contempla o mantemento do sistema de vixilancia e control do Bohído.

    Redacción Salnés