Inaugurado en Campaña o Belén Artesanal de 3000 figuras

belenvalga100_031207_001.jpgVALGA > O alcalde de Valga, Bello Maneiro, inaugurou onte o Belén artesanal de Campaña…

…xunto co vicepresidente da Deputación, José Juan Durán. Unha composición que cada ano incrementa o número de figuriñas, incorporando novos detalles. Segundo vicepresidente provincial, o belén merecería estar no Libro Guiness dos Récords xa que recolle 3000 figuras, das que 350 teñen movemento.

Tres mil figuras, trescentas cincuenta delas, con movemento. Cinco bombas de auga, oito mil lámpadas de cores e trinta mil metros de cableado. Ademais, para este ano, o belén conta cun programador que permite simular tronos e diferenciar a luminosidade do día e da noite.

Case cen persoas asistiron á inauguración do belén, onte as cinco da tarde, para comprobar a minuciosidade con que traballaron os encargados de realizalo, a asociación “Amigos del Belén”

As trinta persoas que forman a asociación, levan máis dun mes, reuníndose en Campaña, para avanzar na composición do nacemento.

Segundo alcalde de Valga, o prestixio do belén crece ano tras ano e cada vez son mais os colexios que queren participar dalgunha forma nesta iniciativa.

O nacemento estará aberto ao público ata o próximo día trece de xaneiro, polo que os organizadores invitan a toda a comarca a gozar dos pequenos detalles que combinan a recreación dun momento histórico ca posta en valor de costumes propias de Valga.

Redacción Salnés