Un home de 58 anos perde a vida ó caer co seu motocultor por un terraplén

    POIO > Un veciño de Poio, A. V. B. de 58 anos de idade, perdeu a vida esta tarde nun accidente de circulación. O falecido conducía un motocultor na estrada Casalvito – Pereiro, en San Xoan de Poio, e probablemente por un despiste precipitouse co vehículo por un terraplén. O corpo sen vida foi atopado en torno ás cinco da tarde polo conductor dun autobús escolar.

    accidente_motocultor_poio_300_200406.jpgA chuvia puido sela causa dun novo accidente mortal, rexistrado esta tarde en Pereiro, na parroquia de San Xoan, no concello de Poio. Preto das cinco da tarde, a Policía Local, a Garda Civil e o servicio de ambulancias do 061 recibían unha chamada alertando do suceso. O conductor dun motocultor, que responde ás iniciais A.V.B, de 58 anos de idade, morría no acto como consecuencia dunha saída de vía. Segundo puido saber Telesalnés Barbanza, ó parecer despois de xantar, o finado saíu da casa en dirección ó lugar de Armenteira, onde recolleu o motocultor cargado de abono para as viñas que traballaba habitualmente. Horas despois, o conductor dun autobús de transporte escolar viu o motocultor no desnivel, e tras parar na zona albiscou ó seu carón o corpo sen vida de A. V. B.

    Segundo os primeiros indicios, parece que a causa do suceso puido ser un despiste, xa que o home coñecía ben a zona na que se atopa o barranco polo que caeu, nas inmediacións dunha pista forestal asfaltada próxima a unha ampla curva na que non se lembra ningún outro sinistro. Debido á chuvia, portaba nunha man un paraugas que, segundo as testemuñas, tamén puido sela causa do despiste ó non contar con boa visibilidade. Segundo as testemuñas, o finado foi consciente de que o vehículo ía volcar e tentou recuperalo sen éxito, polo se precipitou con el polo terraplén. Ata o lugar dos feitos tamén se desprazou o alcalde de Poio, Luciano Sobral, amigo do finado dende hai moitos anos. Polo momento todo son hipóteses sobre as causas do sinistro, a espera de que lle sexa practicada a autopsia no Hospital Provincial, ata onde foi trasladado preto das 7 da tarde.

    Redacción Salnés