Comicios nas patronais de Boiro e Ribeira para a elección de novo presidente

    BOIRO/RIBEIRA > Dúas das patronais máis numerosas da comarca celebraron os comicios para a elección da súa nova xunta directiva. Luís Ángel González Maceiras asumirá a presidencia da Asociación Boirense de Empresarios, en substitución de Joaquín Vilas, que dimitira por discrepancias cos comerciantes en relación á implantación da área comercial de Espiñeira. En Ribeira, Xosé Paz Cadabal revalidou o seu cargo durante os próximos dous anos.

    Non houbo sorpresas e a única candidatura á presidencia presentada por Luís Ángel González Maceiras, obtivo o respaldo maioritario dos socios da patronal. Nesta ocasión, a causa da modificación dos estatutos, procedeuse unicamente á elección do presidente.

    González Maceiras asume a presidencia nun momento tenso de difícil conciliación entre os intereses de distintos sectores que conforman a agrupación. A implantación dun centro comercial nos terreos de Espiñeira, nas aforas do municipio, constitúe o punto de inflexión ata o punto de que a falla de acordo a este respecto desencadeou a dimisión da anterior directiva que non compartía a postura do pequeno comercio.

    Precisamente a recuperación do diálogo e o entendemento entre os diversos sectores que integran a ABE é un dos obxectivos prioritarios do novo dirixente. Durante a súa primeira comparecencia coma presidente da patronal, Luís Ángel González reiterou o seu apoio ós comerciantes aínda que insistiu na necesidade de defender os intereses de tódolos colectivos posto que se trata dunha asociación multisectorial.

    Nos próximos días, González Maceiras fará pública a lista de nomes que integrarán o seu equipo directivo, sempre e cando sexan ratificados pola asemblea.

    Menos cambios en Ribeira, onde Xosé Paz Cadabal seguirá á fronte da Asociación de Empresarios de Ribeira durante dous anos máis. Así o vén de ratificar a asemblea.

    O presidente da patronal revalidou o seu cargo por votación unánime de tódolos socios. Dado que non se presentara ningunha candidatura alternativa, os membros do colectivo precisdiron da habitual urna e realizaron a votación a man alzada sen que houbera discrepancias respecto á permanencia de Xosé Paz na presidencia.

    Redacción Barbanza