A confraría de Noia retira catrocentos quilos de depredadores diariamente

    A confraría de Noia traballa dende o mes pasado na limpeza dos bancos marisqueiros. Retiran unha media de catrocentos quilos diarios de depredadores para protexer a abundante cría nas súas concesións. Ante as boas perspectivas, a intención do pósito é adiantar a apertura da campaña a principios de setembro. Principalmente cangrexo, estrela de mar e corneta. Esta son as especies depredadoras que afectan ó marisco polo que a confraría se afana na súa retirada. Dous operarios traballan a reo para retirar unha media de catrocentos quilos diarios e garantir así a presenza de abundante marisco de talla comercial para a próxima campaña que previsiblemente abrirá en setembro. A intención da confraría, de cara ós meses de verán, é aumentar os controis nos areais incorporando dous vixilantes máis para evitar tamén a acción dos furtivos.