Entrégase ás autoridades norteamericanas o armador ribeirés en busca e captura

    RIBEIRA > O armador ribeirés, Antonio Vidal Pego, buscado pola Interpol e reclamado pola xustiza estadounidense, entregouse ás autoridades norteamericanas para comparecer ante o xuíz en Miami, segundo vén de informar a organización ecoloxista ‘Oceana’.

    O armador está acusado polo departamento de Xustiza dos Estados Unidos de varios delitos de pesca ilegal, falsidade documental, fraude e obstrución á xustiza,  polos que podería ser penado ata con 35 anos de cárcere e medio millón de dólares.

    Vidal Pego é apoderado de varias empresas, entre as que se atopa a uruguaia ‘Fadilur’, acusada de tentar introducir en EEUU 24 toneladas de merluza negra ilegal.

    Estes feitos, acontecidos en maio 2004, non son os únicos que se lle poden imputar ó armador segundo informou a asociación ecoloxista. ‘Oceana’ afirma que o ribeirés levou a cabo unha campaña de pesca a bordo do buque ‘Galaecia’ que foi denunciado por un observador do Instituto Español de Oceanografía por transbordar capturas ilegais en alta mar a outro dos seus buques.

    Redacción Barbanza