![]()
MEIS > A parroquia de Paradela en Meis inicia esta noite as Festas de San Gregorio, que rematarán o domingo coa degustación do tradicional bolo de ovos. Este ano a familia de panadeiros de José Silva espera xuntar para a ocasión uns seis mil ovos, seguindo coa tradición de ofrecerlle ó santo un dos bolos máis grandes do mundo.
As verbenas e actuacións musicais conforman parte do programa das Festas de San Gregorio, que comezan esta noite na parroquia de Paradela, en Meis. Hoxe actúan as orquestras París de Noia e Olympus, e mañá Sintonía de Vigo e Gran Parada. O día grande será o domingo, en torno ás doce do mediodía chegará ó Campo de Festas da Boca o Xigantesco Bolo de Pascua, confeccionado polos artistas panadeiros José Silva, a súa dona e mailos seus fillos.
Trátase dun dos bolos máis grandes do mundo e no que colaboran os veciños desta e doutras parroquias cércanas aportando os ovos. A recollida remata mañá e de momento xa se supera a cifra de catro mil. A intención é que o domingo se teña listo un bolo con 6 mil ovos. Ese día á unha da tarde celebrarase a misa campestre cantada polo coro parroquial de Tremoedo. A continuación sairase co santo en procesión ata o Cruceiro e ó remate comezará a degustación gastronómica. A comisión de festas dará a probar o bolo de ovos e ofrecerá tamén churrasco e viño do país. A música continúa pola tarde con actuación da Banda de Vértula de Paradela, ás oito do grupo A Roda, e remátase pola noite con verbena a cargo de Alkar.
Redacción Salnés








