O BNG de Noia pide que se incremente a partida orzamentaria destinada ás axudas de comedor escolar

NOIA> O BNG de Noia demanda un incremento da partida orzamentaria destinada ás axudas escolares. Máis de 20 familias quedaron excluídas na resolución provisional das subvencións para o comedor e a compra de material.

Co obxectivo de que as axudas cheguen a tódalas familias que o precisen, o BNG de Noia insta ó goberno local a dotar de maior orzamento á partida económica destinada a subvencionar a asistencia a comedor e a compra de material. Na resolución provisional, preto de 30 familias que cumpren os requisitos quedaron fóra ante a falla de dotación orzamentaria.

Os nacionalistas agardarán á publicación das listas definitivas para levar unha moción a pleno solicitando a dotación de fondos extraordinarios para atender a tódolos solicitantes que cumpren cos criterios establecido nas bases.