Empresas da lonxa de Ribeira melloran o seu equipamento grazas ó GALP Ría de Arousa

RIBEIRA> A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro visitou esta mañá a lonxa de Ribeira para coñecer tres proxectos desenvolvidos nesta instalación con financiamento do GALP Ría de Arousa. Trátase de adquisición de equipamento que permitiu mellorar a operatividade da lonxa e as condicións laborais dos traballadores.

Nos últimos anos, a lonxa de Ribeira ten introducido importantes melloras grazas a proxectos promovidos por diferentes empresas no marco do financiamento dos GALP Ría de Arousa. Esta mañá, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro achegouse ata Ribeira para coñecer de primeira man o positivo impacto destes proxectos.

Dous dos proxectos foron promovidos pola firma Pescados Moncho cun investimento de 83 mil euros. Consistiron na adquisición de equipamento para o procesado de peixe fresco así como para a dosificación de xeo e salmoira. A automatización destes procesos supuxo un importante pulo para a produción en termos tanto de calidade como de cantidade así como unha significativa mellora das condicións dos traballadores.

A terceira das achegas destinouse á adquisición de tres xeradores para a fabricación de xeo en escamas adquirida por Lonxa de Ribeira S.L.

Tamén no marco desta achega adquiriuse tamén equipamento para facilitar a descarga dos barcos e transporte á lonxa.