Voluntarios de toda Galicia participan nun encontro da Cruz Vermella en Boiro

    BOIRO > A Cruz Vermella de Galicia celebrou esta pasada fin de semana en Boiro os IX Encontros Autonómicos de Formadores e Voluntariado. Monitores de toda Galicia participaron en dúas xornadas de traballo para a posta en común das accións formativas levadas a cabo pola entidade.

    Preto de 200 voluntarios das catro provincias galegas desprazáronse o pasado sábado ata Boiro para participar nesta xornada de convivencia na que tiveron oportunidade de intercambiar experiencias sobre o seu traballo. Os asistentes asistiron a unha conferencia impartida polo director do Centro de Estudos de Dereito Humanitario da Cruz Roja Española, José Luís Rodríguez Villasante, que versou sobre o papel da Cruz Vermella nos conflitos armados.

    A continuación tivo lugar un simulacro de atención socio sanitaria a cargo do equipo autonómico que participará na convención nacional de primeiros auxilios de Cruz Roja Española. Os voluntarios desplegaron tódolos seus medios no parque de A Cachada ante os ollos de moitos curiosos que puideron constatar a boa organización e eficacia deste equipo de traballo. Alí atenderon satisfactoriamente a un presunto ferido no abdomen, tres operarios queimados a cauda dunha explosión ficticia e un obreiro caído dunha árbore.

    Trala comida de confraternidade, os voluntarios puideron desfrutar dunha representación teatral a cargo dos usuarios do proxecto de axuda a domicilio da Asemblea Comarcal da Cruz Vermella en Noia.

    Este encontro estivo precedido pola reunión de formadores e monitores da Cruz Vermella que se celebrou o pasado venres co fin de homoxeneizar os procedementos formativos a nivel galego así como reflexionar sobre a aplicación dos principios fundamentais na formación de Cruz Vermella en Galicia.

    Redacción Barbanza