O PSOE da Pobra denuncia a concesión irregular de licenzas urbanísticas

    POBRA > A Agrupación Local do PSOE da Pobra vén de denunciar as supostas infraccións urbanísticas que está a cometer o executivo coa concesión de certas licencias irregulares. Os socialistas consideran que a política do rexedor local a este aspecto réxese baixo criterios ‘amiguistas’ en lugar de someterse ás normas urbanísticas municipais.

    Novamente os socialistas pobreses amosan o seu desacordo coa forma de gobernar do executivo municipal. O punto de discordancia é esta vez o Plan Xeral de Ordenación Municipal, pendente de aprobación pola Dirección Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia.

    Os socialistas critican o retraso na aprobación do documento, debido a que o executivo non entregou toda a documentación precisa para ser examinada polo goberno autonómico. Segundo a agrupación local, o documento introduce unha serie de erros e irregularidades importantes que van en contra da lei xeral de Urbanismo, polo que difícilmente vai ser aceptado pola administración.

    Os socialistas critican ademais a falla de información e publicidade por parte do executivo con respecto a este tema co consecuente prexuízo para particulares e empresarios que se atopan con moitos proxectos paralizados á espera da aprobación do documento.

    O PSOE considera que esta falla de publicidade afecta á propia corporación municipal posto que o grupo socialista xa solicitou hai meses a documentación relativa ó PXOM e polo momento non tivo resposta por parte do executivo.

    Segundo os socialistas, o alcalde debería informar ós cidadáns da creación de chan industrial no polígono da Teixoeira, para a que xa existe o compromiso da Xunta, e aclarar se se levará acabo a ampliación do polígono da Tomada. A este respecto o secretario xeral do PSOE, Xosé Manuel Suárez, lembra as irregularidades cometidas na concesión de licencias no polígono industrial que segundo o socialista constitúe un delito urbanístico repetido sistematicamente.

    O PSOE ten previsto seguir analizando a concesión de licenzas outorgadas dende 1999 para a detección das supostas irregularidades urbanísticas que, ó seu parecer, están endebedando o concello a causa da anarquía coa que se están a realizar estas concesións.

    Redacción Barbanza