O Club de Atletismo Noia denuncia a falla de mantemento do estadio de San Lázaro

NOIA> Cansos xa de trasladarlle ó goberno local as deficiencias detectadas no estadio de San Lázaro, obtendo sempre a calada por resposta, os membros do Club de Atletismo Noia decidiron facer esta denuncia pública ós medios.

Segundo sinalan hai unha deixadez no mantemento das instalacións.

Por outra banda, outra das súas demandas garda relación coa solicitude de cesión dun espazo debaixo da grada que actualmente ocupa a brigada de obras, para poder ser empregado os días de chuvia.

Da denuncia tamén se fixo eco o Bloque Nacionalista Galego, que xa anunciou que presentará unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria recollendo as demandas do Club para que sexan atendidas coa maior celeridade posible. Entenden que esta situación non pode continuar.

Dende o Concello non tardaron en contestar a esta demanda. Segundo o alcalde, Santiago Freire, nos últimos anos realizáronse unha serie de melloras no estadio de san Lázaro atendendo as demandas dos diferentes clubs que empregan estas instalacións, entre eles o Club de Atletismo.

Unha delas propiciou a instalación dunha cabina de fotofinish ou a habilitación dun espazo para adestramento na propia grada.

Freire insistiu en que as demandas si serán atendidas, como xa lle trasladaron directamente á propia directiva do Club en máis dunha ocasión.

O alcalde noiés fixo referencia a que o Concello o que está facendo nos últimos tempos  é unha aposta clara e decidida polo deporte, cun importante investimento destinado a mellorar as instalacións deportivas municipais, como é o caso das actuacións levadas a cabo na piscina, a instalación dunha pista multideportiva en Bergondo ou diversas obras de mellora realizadas nos pavillóns Agustín Mourís e no Alonso Rodríguez, entre outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí