Juan Romero imponse na proba raíña do Autonómico de Scooters

SANXENXO > Juan Romero en F70 e Marcos Besada en F50 foron os vencedores da segunda proba do Campionato Galego de Scooters disputada esta fin de semana en Sanxenxo. No circuíto París Dakart reuníronse uns sesenta pilotos que tamén participaron na Copa Rodamoto e na competición de minimotos.

campionatogalegoscooters_300_250406.jpgJuan Romero foi o vencedor da segunda proba puntuable para o Campionato Galego de Scooters que se disputou o pasado domingo no circuíto París Dakart de Sanxenxo. O piloto do Club Orballo sorprendeu ó líder da categoría F70 Manuel Rea que quedou relegado ó segundo posto. Ata o circuíto de Major achegáronse uns sesenta pilotos de toda a comunidade que participaron na proba organizada polo Motoclub París Dakart.

A competición en categoría F50 tamén deparou sorpresas. O vencedor foi Marcos Besada, mentres que David Soage, que gañara a primeira proba do Galego tivo que conformarse cun quinto posto en Sanxenxo. O París Dakart tamén foi o escenario da primeira Copa Rodamoto. Dos quince pilotos que tomaron parte, o mellor foi Abraham Fernández.

Como novidade, este ano disputouse neste circuíto unha competición de Minimotos. Ángel Outerelo venceu sen problemas sacando case dezaoito segundos de vantaxe ó segundo clasificado, Óscar Aval. O bo tempo animou a moitos afeccionados a seguir a proba.

Redacción Salnés