Vibrante fin de semana de derbis na Preferente

SALNÉS> Será un domingo de derbis na Preferente porque no Revel, enfróntanse Sanxenxo e Arosa e na Senra Ribadumia e Céltiga, e todos se están a xogar algo. Na Terceira, o Portonovo recibe ó Rápido mentres que o Vilalonga desprázase a Cangas para enfrontarse ó Alondras.

O Vilalonga tentará seguir dando pasos cara a permanencia. Os de Gabi Leis están a amosar unha gran consistencia nos encontros da casa e queren tamén que as boas sensacións se manteñan cando xogan como visitantes. O Alondras chega á cita cun punto menos que os celestes despois de arrastrar unha mala xeira de resultados, cunha única victoria nos derradeiros nove partidos. Sen embargo iso non impedirá ver un gran partido de futbol no Morrazo entre dous dos equipos que mellor tratan o balón nesta categoría. No cadro celeste Fran Matos volve á convocatoria.

No Baltar o Portonovo ten que gañar sí ou sí. Nova oportunidade para os de Jacobo Molina que levan seis derrotas seguidas e teñen a permanencia a cinco puntos. O Rápido virá coa intención de seguir sumando de cara o seu obxectivo que tamén é a salvación. Nos locais é baixa Portela, por sanción, mentres que Adrián Santos podería ser titular no eixo da zaga.

Na Senra vivirase un duelo tan esperado como sorprendente. O que foi o adestrador dos locais ata hai un par de meses, volve agora sentado no banquiño visitante. Co morbo engadido de Carducho, tanto o Ribadumia como o Céltiga precisan da victoria, sobre todo os locais, máis apurados con respecto á zona baixa da xeral. Iso sí, unha nova derrota dos da Illa podería deixarlles metido no grupo traseiro da táboa e poñer en perigo a súa permanencia na categoría. Lozano é baixa nos locais e Lino nos da Illa.

O outro derbi da xornada xogarase no Revel. O Sanxenxo non quere deixar escapar a cabeza da táboa para seguir soñando co ascenso mentres que o Arosa quere refrendar a súa recuperación cun triunfo de categoría, no campo do segundo mellor equipo coma local. Os de Calucho, despois de sumar un punto dos últimos seis posibles, sairán con gañas ante un Arosa que contará con todo o seu arsenal ofensivo, incluido Jorge Comesaña, que debutará cos vilagarciáns.

Ademais, esta xornada o Cambados xoga na casa onde recibe a visita do Nigrán. Os de Ángel Oliveira queren seguir sumando na casa e achegarse á permanencia. Cos amarelos podería debutar Jacinto.

Redacción Salnés