![]()
SALNÉS> Esta fin de semana celebrouse en Mondariz o XXIII Peón de Oro, un torneo no que participaron 180 xogadores. Os xadrecistas do Fontecarmoa volveron a completar unha gran actuación destacando a victoria en infantís de Julio Suárez.
O Club Xadrez Marcote organizou esta pasada fin de semana o Torneo Peón de Oro 2011. A participación foi numerosa, acadándose a cifra de 180 deportistas, procedentes de toda Galicia e Portugal e repartidos en cinco categorías, de cadetes a promesas. A proba era a terceira puntuable para o Circuito Galego de Promoción.
A nota máis destacada dos xogadores do Club Fontecarmoa de Vilagarcía foi o ouro en infantís acadado por Julio Suárez. O xoven xadrecista de Sanxenxo repetíu deste xeito victoria, despois da conseguida días atrás no torneo de Santa Rita, algo que lle serve para destacarse na clasificación provisional do circuíto. Un compañeiro seu, Lucas Abal, subíuse o podium e finalizou terceiro. Entre ambos situouse o portugués David Martíns.
Outra das boas novas deixounola Jorge de Santiago en alevíns, que rematou en quinta posición. O vilagarcían volveu a demostrar que está a rematar a temporada en boa forma. Ademais, en benxamíns, Jorge Segura rematou oitavo, con varios xogadores portugueses por diante del, polo que a súa puntuación dentro do circuíto será boa. O seu compañeiro Jaime Martínez Doldán rematou xusto por detrás.
Nos cadetes, Luis Segura tivo que conformarse coa décima posición logo de estar loitando nas primeiras meses ata a derradeira rolda.
Redacción Salnés







