Continúa a batalla polo ascenso na Preferente Sur

futbol250_050310.jpgSALNÉS> Na Terceira, Vilalonga e Céltiga xogan fóra da casa ante dous rivais complicados. Na Preferente Sur, Portonovo e Sanxenxo prosiguen coa súa loita polo ascenso.

O Alondras mide no Morrazo a recuperación do Céltiga. Logo de rachar a semana pasada coa xeira de once partidos sen gañar, os de Antonio Gómez recuperaron certa moral e queren sumar a súa segunda victoria consecutiva. Terano que facer ante un rival ó que lle gusta o xogo combinativo, afeito nos últimos anos a loitar pola fase de ascenso pero que nesta temporada o mal inicio de segunda volta que tiveron prívalles de estar entre os mellores.

Prevese un encontro aberto. O Vilalonga pola súa parte visita o campo do equipo que lle precede na táboa, o Ourense. Son quinto e sexto. Tan só unha praza de diferencia, sete puntos de por medio e obxectivos ben diferentes: mentres que os do Couto loitan por meterse entre os catro primeiros, os celestes aínda miran os puntos de colchón que teñen co descenso. Con todo, non descartan dar a sorpresa nun partido no que Gabi Leis poderá contar con tódolos seus efectivos.

Na Preferente Sur, despois do picazo da semana pasada o Portonovo quere volver á senda do triunfo a costa dun Covadonga que é penúltimo. Rial terá que facer fronte neste encontro a dúas baixas importantes no eixo da zaga. Jorge Segura e César non estarán por sanción.

Mentres no Revel xógase un dos encontros máis interesantes da xornada. O Sanxenxo recibe ó líder Choco. Tralo 2-1 en Tomiño, unha nova derrota dos de Calucho alonxaríalles das dúas primeiras prazas. Iso sí, enfróntanse ó equipo que lles fixo repuntar na clasificación, o seu punto de inflexión. Tras empatar en Redondela o Sanxenxo encadenou unha xeira de 32 puntos de 39 posibles.

Outro que se quere enganchar ó nutrido grupo cabeceiro é o Arousa. Dados os resultados da semana pasada os vilagarciáns volven a ter opcións de meterse na fase. Todo pasa por gañar no partido adiado ante o Arenteiro e por facelo este domingo ante o sorprendente Pontellas, imparable na segunda volta e segundo na táboa.

O Cambados recibe en Burgáns ó Marín coa baixa por sanción de Edu. Os de Carregal queren atar canto antes a salvación e afundir a un Marín que virá crecido tras impoñerse a semana pasada ó Portonovo.

Mesmo caso do Ribadumia que se enfronta a outro rival directo pola permanencia, aínda que a situación do Sporting Celanova é máis complicada. Os puntos sumados ante o Cruceiro e o xogo despregado deberia dar confianza ós de Carducho de cara a traerse un resultado positivo de terras ourensáns.

Redacción Salnés