Medio Rural e Medio Ambiente investirán máis dun millón de euros na mellora do parque do Castro

    BOIRO > O executivo boirés levará a cabo de inmediato o acondicionamento do parque do Castro en Cabo de Cruz grazas ás aportacións de varias Consellerías. A actuación, cun presuposto superior ó millón de euros, era unha vella demanda dos veciños desta parroquia

    O concelleiro de Obras, Parques e Xardíns de Boiro informou do proxecto de acondicionamento do parque do Castro en Cabo de Cruz, cunha inversión dun millón douscentos mil euros que serán asumidos na súa totalidade polas Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. O proxecto, que será realizado en varias fases, incluirá a construción de dous parkings cunha explanada para autobuses, así como varias sendas peonís nas inmediacións da igrexa. Ademais prantaranse árbores e instalarase novo mobiliario urbano e iluminación.

    Segundo informou o edil boirés o executivo en colaboración coa Asociación de Veciños A Unión ten previsto iniciar tamén os traballos de preparación do terreo forestal existente nas inmediacións da igrexa do castro, unha parcela que foi propiedade do clero no seu día pero que finalmente lle foi cedida para o seu uso á administración local.

    Xoán Xesús Ares informou tamén doutra actuación que pretende levar a cabo o goberno local como é a mellora do parque existente na zona de Barraña para o que xa existe un proxecto redactado cun custe duns 130 mil euros.

    Redacción Barbanza