Boiro Novo suspende a Martiño nos seus cen primeiros días na alcaldía

BOIRO> Dende a formación entenden que Boiro segue a arrastrar as mesmas eivas de etapas anteriores, sen visos de solución inmediata. Consideran que se trata dun goberno máis preocupado por saír na foto, que en resolver os problemas reais dos veciños.

Tirón de orellas ó executivo que preside José Ramón Romero. Boiro Novo, a formación que xunto ó BNG e Iniciativa Cidadá permitiu a chegada dos socialistas á alcaldía, suspende a xestión do goberno municipal nestes cen primeiros días de mandato. Dende Boiro Novo apuntan a que súa andaina comezou xa mal, ó apoiarse no PP en vez do grupos da esquerda que lle ofrecerán o seu apoio, tanto para a constitución do novo goberno como para aprobar uns soldos que consideran excesivos, na liña dos da anterior lexislatura, cando non superiores, como é no caso dos tres concelleiros que, a pesares de non ter dedicación, cobran máis de mil euros mensuais. Para a voceira desta formación, Dores Torrado, Boiro segue arrastrando grandes eivas sen visos de solución inmediata, poñendo como exemplos as queixas deste verán polo deficiente servizo de limpeza de praias, que empeorou segundo ela, con respecto a outros anos ou os problemas de cheiros e focos de insalubridade en moitas dos areais. Sinala tamén que outro dos compromisos do goberno, como foi a apertura de Radio Boiro, segue a día de hoxe paralizada, botando en falla tamén a creación de órganos que permitan a necesaria fiscalización do goberno, como é o caso da Xunta de Portavoces Municipal. Ante todo isto dende a formación nacionalista emprazan ó Partido Socialista a que deixe de mirar á súa dereita e volte ó clima de acordos previo á investidura, para poder sacar adiante as reformas progresistas de calado que precisa o Concello.