Medio Rural intensificará a vixilancia no Barbanza para evitar incendios forestais

    BARBANZA > A Consellería de Medio Rural vén de establecer a comarca do Barbanza como zona de máximo risco de incendios forestais. Por este motivo, dende o departamento autonómico tense previsto intensificar os controis de vixilancia en tódolos concellos barbanzáns especialmente nas épocas máis conflitivas

    Segundo as estatísticas baseadas nos datos de incendios forestais dos últimos anos, a comarca do Barbanza constitúe unha das cinco áreas de maior risco en toda Galicia. Co obxectivo de reducir esta dramática tendencia, a Consellería de Medio Rural decidiu intensificar a vixilancia para evitar que o lume continúe arrasando os montes da comarca. Deste xeito, trala catalogación de lugar estratéxico de alerta, a comarca será sometida a un control moito máis riguroso que o previsto para outras áreas xeográficas de Galicia.

    Os axentes forestais vixilarán os montes dende torres dotadas de avanzados sistemas informáticos que permitirán da-lo aviso ós corpos de seguridade no momento en que se avisten as lapas. Estes dispositivos permitirán a coordinación de tódolos corpos e a actuación en tempo real para incrementa-la eficacia da intervención.

    A diferencia de anos anteriores, esta vez manteranse en secreto as áreas de vixilancia onde se sitúen os controis especiais para non proporcionar ningún tipo de información ós pirómanos. Por este motivo, a Consellería de Medio Rural facilitou moi poucos datos sinalando unicamente que na zona de loita estratéxica contra o lume incluense 24 parroquias, o que supón un 37’5 por cento das existentes en toda a provincia da Coruña.

    En canto ás causas do elevado número de incendios rexistrados no Barbanza, a maioría teñen a súa orixe nos conflitos entre gandeiros e comuneros, xa que a maioría dos terreos queimados eran utilizados para o pasoto de ganado ou para a produción forestal. Pola contra, ningún dos terreos afectados durante o ano pasado presentaba valor urbanístico.

    Redacción Barbanza