A Xunta concedeu preto de 2.400 axudas para corrixir impactos paisaxísticos

GALICIA> Nos últimos catro anos a Xunta concedeu preto de 2.400 axudas para corrixir impactos paisaxísticos, o que coñecemos popularmente como feismo. Son achegas tanto para concellos como para particulares, que conseguiron mobilizar un investimento global de arredor de 14 millóns de euros. Estas achegas teñen cada vez máis demanda. Dende 2021 xa chegaron a máis do 90% dos concellos galegos.

Galicia aposta polo fesmosismo. Dende hai anos a Xunta está a traballar para o fomento da corrección dos impactos paisaxísticos. Nos últimos catro anos concedéronse case 2.400 axudas a concellos e particulares para a mellora do estado de inmobles. Supuxo unha achega por parte do executivo galego de preto de 9,6 millóns de euros,  conseguindo mobilizar 14 millóns de euros.

Dende a Xunta salientan que cada vez estas axudas teñen maior demanda. De feito, as as aprobadas dende o 2021 chegaron xa a máis do 90% dos concellos galegos, entre eles municipios das comarcas de Pontevedra, O Salnés, Caldas, Ulla, Muros, Noia, O Barbanza e O Sar.

Na última convocatoria, para a que se mobilizaron dous millóns de euros, aprobáronse 50 axudas a concellos -para 64 actuacións- e 346 a particulares. Unhas achegas que, por certo, cobren o 70% do orzamento subvencionable.

O apoio a particulares é para intervencións en fachadas, cubertas e muros de peche. Ademais, na convocatoria deste ano introduciuse como novidade a posibilidade de financiar a retirada de elementos adxacentes que prexudiquen a imaxe ou causen algún impacto nos bens nos que se pretende intervir.

As achegas a concellos están dirixidas a aqueles de menos de 20.000 habitantes para dúas liñas de axudas. A primeira, para renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais e a segunda para mellorar o aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros públicos, palcos de música e hórreos. Cada municipio pode beneficiarse dun máximo de 40.000 euros, 20.000 por cada unha destas liñas.

Un xeito, entenden dende a Xunta, de avanzar na execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos e seguir apostando polo fermosismo.