David Cal visita Jealsa-Rianxeira

    O medallista olímpico David Cal, viaxou este venres ata o Concello de Boiro para coñecer en persoa as instalacións da empresa Jealsa-Rianxeira, da que actualmente é imaxe.

    O conselleiro delegado da compañía, Xesús Manuel Alonso Escurís, aproveitou a visita do piragüista galego para anunciar que a compañía contará dende a vindeira semana cun novo logotipo.

    O deportista David Cal, imaxe dos productos de Jealsa-Rianxeira, achegouse ata as instalacións que súa empresa patrocinadora ten no lugar do Bodión para reunirse cos directivos e o persoal, tanto de oficinas como de producción da conserveira e posteriormente comprobar de primeira man as súas innovacións máis significativa nun percorrido pola fábrica. Durante esta visita, David Cal estivo acompañado polo presidente da compañía, Xesús Alonso, o conselleiro delegado, Xesús Manuel Alonso Escurís e o seu entrenador Xesús Morlán.

    No percorrido os directivos de Jealsa-Rianxeira, a maior das conserveiras españolas e a segunda máis importante da Unión Europea, explicáronlle ó deportista o funcionamento da factoría e as distintas fases de produción que se levan a cabo dende a chegada dos productos ata a súa elaboración e enlatado para ser posteriormente comercializado.

    Unha vez rematada a visita realizouse unha rolda de prensa na que o conselleiro delegado de Jealsa-Rianxeira, Xesús Manuel Alonso Escurís, anunciou que as vendas da empresa incrementáronse nun trinta por cento, grazas ó lanzamento do novo solapín, do que precisamente é imaxe David Cal.

    No referente ós proxectos que a compañía ten para este ano,m atópase o do desenvolvemento comercial. Ademais, Alonso afirmou que a vindeira semana os productos de Rianxeira estarán no mercado cun novo logotipo, máis moderno e lexible, pero que mantén a esencia do utilizado ata o momento, segundo indicou o propietario da empresa.

    Pola súa banda, David Cal, que acaba de regresar coa medalla de prata do Campionato do Mundo de Piragüismo celebrado en Zagreb, agradeceu o patrocinio de Jealsa-Rianxeira e sinalou que está a prepararse para os mundiais de Hungría do ano 2006, aínda que pensa que será unha proba bastante dura debido a que este país é unha das potencias mundiais neste deporte e destacou que o seu obxectivo primordial son as olimpiadas de Pekín que se celebrarán en 2008.