Os deportes máis innovadores saen á rúa en Boiro

    BOIRO > Os afeccionados ás actividades físicas terán unha cita importante este vindeiro sábado na Praza de Galicia de Boiro onde se levará a cabo o primeiro día Supera do Fitness na rúa, organizado polo Grupo Supera, encargado da xestión do complexo deportivo da Cachada en colaboración co departamento de Deportes boirés. As actividades terán lugar en dúas sesións, de once a unha pola mañá e de cinco e media a sete e media pola tarde.

    Actividades físicas tan de moda hoxe en día como a batuka, o body combat ou o body balance poderán practicarse de xeito gratuíto este vindeiro sábado na Praza de Galicia de Boiro. Abondará con achegarse ata alí e disfrutar. Non será necesario nin tan sequera levar roupa deportiva. A intención non é outra que dar a coñecer estas modalidades deportivas, algunhas das cales xa se están a desenvolver no propio complexo deportivo da Cachada con grande éxito de participación.

    fitness.gifA concelleira de Deportes de Boiro, Dores Torrado animou ós veciños a participar na iniciativa que se desenvolverá en dúas sesións, de once a unha pola mañá e de cinco e media a sete e media pola tarde.

    Os interesados en solicitar máis información poderán dirixirse ó Club Deportivo A Cachada ou ben chamar ó teléfono 981 842677. A organización agarda contar cun alto nivel de participación, entre 200 e 300 persoas. No caso de chuvia habilitarase un recinto pechado para levar a cabo a actividade. 

    Redacción Barbanza